
Son 20 das mulleres galegas que abriron camiño, que teñen percorrido e que acadaron o éxito de crítica e público sen fronteiras. Consultamos a varias personalidades culturalmente activas en Galicia para elaborar esta lista de «influencers» de valor incalculable na que hai moitos nomes que engadir
07 mar 2025 . Actualizado a las 17:59 h.

Margarita Ledo, cineasta
A memoria xusta
Xornalista, escritora, cineasta, activista cultural, Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) é todo, é unha das nosas top en feminismo, liberdade, memoria histórica e coherencia. Premio Nacional de Cine e Audiovisual, vén de presentar Prefiero condenarme e de ver incorporarse ao Museo Reina Sofía as súas películas Santa Libertad e Nación.

Tanxugueiras, pandeireteiras
A forza neta da sororidade
O trío de pandeireteiras que acariñaron a representación de España en Eurovisión manteñen unha estreita relación cun referente de longo da nosa música, Guadi Galego, coa que veñen de lanzar single conxunto, Inconformismo. Son exemplo de agradecido (coa tradición), creativo e expansivo.

Luz Casal, música
Pioneira do rock que acendeu a «Negra sombra»
A Luz de Boimorto é unha das galegas con maior éxito mundial, ao longo de 40 anos de carreira musical. Foi unha pioneira do rock. Te dejé marchar, Piensa en mí e a súa versión de Negra Sombra de Rosalía soan entre as súas moitas obras mestras. Medalla de ouro de Galicia, medalla das Artes de Francia e premio nacional de Músicas Actuales, Luz é unha diva que desmoroa a adversidade.

Yolanda Castaño, poeta
O nome internacional da poesía galega
Xestora cultural e poeta independente, Yolanda Castaño (Santiago, 1977) fíxoo todo en poesía rebentando moldes e fronteiras. Premio Nacional de Poesía por Materia, a autora dirixe o ciclo Poetas Di(n)versos, o Festival Pontepoética e o Taller Internacional de Traducción na illa de San Simón, tres fitos que potencian o diálogo da poesía galega coas do mundo. Está a piques de publicar novo poemario.

Ángela de la Cruz, pintora
Desafío brutal e universal
Coruñesa de 1965, formada e residente en Londres, a pintora e escultora galega que fixo da brutalidade emocional obra mestra recibiu o Premio Nacional de Artes Plásticas no 2017, sete anos despois de aspirar ao prestixioso Turner Prize. Actualmente, e ata abril, desafía os límites da arte en Palma de Mallorca.

Esther Estévez, xornalista
O bum do galego en TikTok
Con 27 anos, esta xornalista de Verín ten xa un lustro de percorrido como artífice dun dos fenómenos que revolucionaron a comunicación en redes do galego nos últimos anos. Mestre Mateo 2022 e 2023 á mellor comunicadora, a condutora do Dígocho Eu é implacable como «mestra» de galego TikTok.

Ledicia Costas, escritora
Cociñeira de superéxitos
Avogada e escritora «dark pero riquiña», levou a literatura ao ceo do corazón xuvenil. A viguesa do 79 é a única autora que gañou tres veces o Premio Lazarillo. Premio Nacional por Escarlatina, a cociñeira defunta, medalla Castelao, vén de ser Premio Zenda. Dirixe o gran festival HematoFesti, festival de humor e literatura pioneiro en Vigo.

María Pujalte, actriz
Misterio, maneiras e táboas
Marcou sen pose con Periodistas e 7 vidas, e engaiola aos mozos con Sapere Aude e a toda a familia coa serie de cozy crime castizo Los misterios de Laura. Coruñesa de 1966, é dende os 90 unha das grandes do teatro galego, xunto a María Bouzas. Ten o Pedigree de Cans e o cariño de todo o país.

Emma Lustres, produtora
Facer do valor galego empresa
Emma Lustres (O Grove, 1975), é un dos nomes propios máis rotundos da produción audivisual de Galicia cara ao mundo. No 2003 fundou Vaca Films, un pequeno que en vinte anos se fixo xigante a forza de talento e éxito tanto de crítica como de público. A empresa e o valor galego medran con ela.

Carolina Iglesias, cómica
Percebes y Grelos no YouTube
Carolina Iglesias (Oleiros, 1993) triunfa como Percebes y Grelos e con Estirando el chicle nas redes. Cómica, guionista e youtuber, foi a persoa máis nova en ser recoñecida, no 2021, co Premio Marcela y Elisa polo seu labor en favor dos dereitos do colectivo LGTBI+. Galeguidade Z, diversa.

Rosario Álvarez, filóloga
A nosa illa do tesouro
Foi a primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega, é membro do Instituto da Lingua Galega e unha das máis sólidas investigadoras de fondo da nosa lingua, da súa gramática e a súa historia. Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952), premio Ramón Otero Pedrayo 2021 xunto a Menchu Lamas, é coautora do Atlas Lingüístico de Galicia, un mapamundi da riqueza do galego moderno.

Teresa Fernández Valdés, produtora executiva
A meiga das series
Non é das caras máis visibles, pero si das que non se apartan para botarlle valor ao audiovisual. Fóra de serie Fernández Valdés (Pontevedra, 1980) como cofundadora de Bambú (Fariña, La promesa, Las chicas del cable). Foi a primeira española en recibir a Medalla de Honor de Cannes no MIPCOM. No 2024 montou a produtora Te Espero en Marte.

Melania Cruz, actriz
A madurez escénica
É a notable diferenza interpretativa de Melania Cruz (Lugo, 1983) unha das chaves do éxito de series e películas con tan boa acollida como Clanes, Justicia Artificial, Rapa, La Unidad, Ons, Malencolía ou Fariña. Valor xa clásico no teatro, presente con futuro das artes escénicas, a cofundadora de A Quinta do Cuadrante é unha das galegas con maior proxección internacional.

Mercedes Peón, música
A raíz da vangarda
Fusión mestra da artesanía musical e a vangarda, Mercedes Peón (Oza-Cesuras, 1967) marca o novo milenio. Amosa a singularidade da música galega como valor internacional. Premio Nacional de Música, Premio á Autenticidade e Premio da Crítica de Galicia, SÓS é un dos seus traballos máis celebrados no mundo. Deixaas é unha nova exploración.

Chelo Loureiro, directora e produtora
Activista de ouro
Gañadora de catro Goyas, activista pola igualdade no eido audiovisual, Chelo Loureiro (Ferrol, 1958) é un dos nomes de referencia en animación. Na Galería Sargadelos de Ferrol desenvolveu unha intensa actividade cultural. Acadou o aplauso unánime no cine co filme Valentina e no 2024 levou o cuarto Goya por To bird or not to bird. É Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes 2024.

María Vázquez, actriz
María é as demais
Representa a moitas mulleres galegas (e non só) María Vázquez, unha das actrices galegas nas que sempre agroma Galicia, a denominación de orixe dunha cultura, dunha sensibilidade. Ramona en Matria, Biznaga de Ouro en Málaga, esta viguesa do 79 brilla en filmes delicados como María y los demás, O corpo aberto y Los pequeños amores. Valor feminino plural.

María Oruña, escritora
Sempre top-vendas
Xunto a premios nacionais de longo percorrido como as autoras Marilar Aleixandre e Chus Pato, sobresaen na literatura galega que fai amigos polo mundo escritoras supervendas como María Oruña, que volve a Vigo con El albatros negro, que acaba de chegar ás librarías. Un tesouro somerxido na ría de Vigo atráenos a embarcar nesta aventura da raíña do thriller.

Patricia de Lorenzo, actriz e guionista
Número un do teatro
Actriz dende os 19, esta coruñesa nacida no 71 é unha diva (non sempre visible) das táboas dende os noventa. Activista sen tregua no teatro e na música, a dobraxe e o audiovisual (Rapa), fai labores de dirección, produción e xestión en Chévere, Premio Nacional de Teatro. Espírito crítico, é un referente da loita feminista. «A nosa Mónica Randall», apunta a La Voz unha das fontes consultadas.

Marta Pazos, dramaturga
Cor e paixón nas táboas
Cor á parte ten o labor de Marta Pazos (Pontevedra, 1976), directora de escena, escenógrafa, dramaturga e artista visual, que fundou a compañía de teatro Voadora e o pasado 2024 estreou Dique, unha obra da compañía Nova Galega de Danza en homenaxe ás 200 mulleres galegas que escavaron o Dique da Campana en Ferrol, a maior obra de enxeñería hidráulica do século XIX. O ano pasado foi galardoada co Premio da Cultura Galega na modalidade de Artes Escénicas.

Eva Mejuto, escritora e activista cultural
Innovadora de contos
Gran dinamizadora da vida cultural de Pontevedra, esta escritora, autora de diversas adaptacións de contos a álbums ilustrados, foi editora literaria en Kalandraka e Oqo, e é unha das almas do Salón Infantil e Xuvenil do Libro da súa cidade. Estandarte da nosa cultura en España, Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975) recibiu no 2024 o Premio Agustín Fernández Paz pola novela Onde caben catro.